Wednesday 26 de June de 2024

A Coruña acolle unha exposición fotográfica dentro dos actos polo 15 aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade


A concelleira Diana Cabanas participou no acto de apertura da mostra na Casa Museo Casares Quiroga

A Coruña acolle a exposición fotográfica da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns do Patrimonio Mundial. A Casa Museo Casares Quiroga é a sede escollida para esta mostra, que ofrece imaxes de sitios declarados Patrimonio Mundial como a Torre de Hércules, que ademais este mes celebra o 15º aniversario da súa proclamación. Membro da Alianza, o faro romano máis antigo do mundo que segue en activo, repite como anfitrión tras acoller, o pasado mes de outubro, as xornadas ‘Paisaxes e sitios. Participar para convivir’. A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, participou no acto de apertura da mostra. A mostra forma parte das actividades que ten deseñado o Goberno de Inés Rey polo aniversario da declaración da torre.

A Alianza ten uns obxectivos claros: preservar a riqueza das súas paisaxes e fomentar a súa investigación e divulgación. Para iso promove a cooperación entre todos os integrantes, o uso sostible da súa contorna e a concienciación cidadá sobre a importancia da súa conservación. Así mesmo, fomenta a cooperación internacional para protexer todos aqueles lugares declarados Patrimonio Mundial.
En concordancia con estes fins, a Alianza organiza reunións periódicas cos seus membros e vai trasladando a súa exposición itinerante aos distintos territorios. Neste caso, é o Concello o que, a través do seu Consorcio de Turismo e a Torre de Hércules, facilita a acollida da mostra durante todo este mes de xuño.

Más de 70 imaxes Patrimonio
A exposición conta con máis de 70 fotografías dos distintos sitios que forman parte da Alianza. Así, ofrécese a oportunidade de ver de preto as emblemáticas palmeiras de Elxe, aflora e fauna mariñas de Eivissa, os sinais de máis de dous mil anos do Risco Caído e Montañas Sacras de Gran Canaria, os impresionantes interiores da Alhambra, a Serra de Tramuntana, a arquitectura mudéxar de Aragón, os traxes típicos e a paisaxe cultural de Aranxuez ou, naturalmente, os recunchos e arredores da Torre de Hércules. A entrada é gratuíta e poderase visitar ata o domingo 30 de xuño.